Organizacións, empresas e institucións -as de toda a vida- enfróntanse a disrumpir e avanzar se queren quedar no ecosistema que se está a formar.
É unha mágoa que a dixitalización chegara nun momento tan disciplinar e compartimentado. Por iso a mirada ainda non alcanza a ser ecosistémica, dende
- a tecnoloxía - focalizada na conectividade, os nodos de sempre, os retos da inversión no 5G, da automatización, do audio e das intelixencias artificiais
- a economía neoliberal - resucitando modelos vellos e publicidades, sen fórmulas financieiras, volcada no comercio electrónico, e rematando a concentración capitalista nas plataformas monopolistas,
- a política - das falsedades e da viralización coas viraxes dos movementos sociais, o tremendo auxe dos populismos co todos seus negacionismos,
- a comunicación - servindo formas hipermediais de dixitalización sen escoita nin calado na interacción repousada, consciente e crítica.
A estas alturas das sempiternas demandas ecosistémicas queda superado o inter- e o transdisciplinar. Nos carríls de sempre non atopamos solucións diversas. As viciadas formas non encaran a complexidade do ecosistémico en expansión e transformación.
Claro que é bo que a perspectiva comunicativa complexa do ecosistema dixital lembre as principais aportacións das tradicións disciplinares para destacar a eficiencia das plataformas tecnolóxicas (casi monopolísticas), dos acordos supranacionais sobre valores e de futuro, lembrar o poder e as responsabilidades das institucións politico-culturais que asoballan industrias creativas e grupos mediáticos, os meta proveedores de contidos, as esferas de influenciadores e as masas de perfís activos nas principais aplicacións cuasi-globais.
A perpectiva pluridisciplinar non gaña categoría de perspectiva complexa sen completar a arquitectura estrutural do ecosistema hipermedial coa dinámica tecno-económico-social que gradúa e avalía as xerarquías de interaccións e participación, seu impacto na difusión, memetización ou transmediación de contidos e mensaxes. As burbullas, polarizacións ou viralidades en xeral que poden investigarse de forma non lineal recoñecendo desaparicións e perigos de extinción ou emerxencias e innovacións das que moi pouco sabemos.
Na dixitalización están a evolucionar tamén os ecosistemas comunicativos previos.
Por exemplo, as formas de liderado e de comunidades propias das retóricas prehistóricas e rurais expándense ao tempo que disminúe o calado do compromiso grupal nos movementos globais. Os ecosistemas institucionais dos estados-nacións, igrexas e demais dilúen seus discursos ou amplian as interpretacións moito mais alá dos relatos revelados ou fundacionais.
A dixitalización da modernidade e da sociedade de consumo altera a financiación e a publicidade das industrias culturais nun mercado total con mais riscos para o extraordinario, minorizado ou periférico en xeral.
Nos albores do seguinte estadío ¿4.0, 5.0, n.0?, quizais de proxectos de metaversos, de novas automatizacións e dixitalizacións nas cousas da vida, as vellas retóricas prehistóricas sufren profundas transformacións nas redes sociais dixitais dirixidas por opcións e algoritmos que marcan nosas preferencias persoais e agrupan colegas, familias e correlixionarios.
E despois do ruido universal que xera a concentración da atención mundial móvil, co contido omnipresente regalado gratuitamente, fanse os almacéns de datos, a información vendida e as reservas privadas de coñecemento e ciencia ocultos nas caixas negras das macro-plataformas tecnolóxicas monopolísticas.
Se a sabiduría dixital non sae delas e conecta cos outros coñecementos e co resto do ecosistema social e natural non chegará a ser o sentido profundo colectivo que foron as culturas primixenias, as orixes das cidades e civilizacións ou imperios, os ideais da modernidade e dos futuros alternativos das contraculturas contemporáneas.
¿Non sería como posuír tesouros maiores cos do alfabetizado e letrado Rei Midas podrecidos nos seus servidores como merda corrupta de macro-plataformas en loita por unha hexemonía que non ten nada de global?
No hay comentarios:
Publicar un comentario